Cerdeira
ATENCIÓN: Exclusivamente en horario de 7 a 23h.
UBICACIÓN FINAL: N 42º 52.(pedúnculo)13 W 008º 31.474
ANGIOSPERMAE / ROSALES / ROSACEAE
NOME CIENTÍFICO: Prunus avium L. Cerasus avium (L.) Moench, Cerasus juliana DC.
OUTRAS DENOMINACIÓNS: cerdeira, cereixeira, cereixo, cerezo silvestre.
ETIMOLOXÍA: PRUNUS: nome latino da ameixeira, procedente do grego PROYMNOS, palabra bárbara helenizada que fai referencia a que os froitos das especies deste xénero están recubertos de pruína; AVIUM: por comer as aves os seus froitos.
DESCRICIÓN: Árbore que pode alcanzar ata 20 ou 25 m. Raíz principal moi penetrante e raíces superficiais moi vigorosas. Tronco dereito. Cortiza lisa, delgada, lustrosa e marrón escura avermellada ou grisácea, con manchas alongadas marrón clara, que se desprende en tiras papiráceas horizontais. Copa alta, cónica e bastante regular.
Follas de 6-15 x 4,5-7 cm, caedizas, simples, alternas, agrupadas en pequenos feixes, con pecíolo de 2-5 cm provisto de 2 glándulas vermellas situadas xunto ao limbo, oblongas, de bordo dobremente serrado, acuminadas no ápice, verde escuras mate na face e vellosas no envés, que se volven amarelas ou carmesí no outono.
Flores de 2,5-4 cm, hermafroditas, con cáliz provisto de 5 sépalos libres e caedizos, corola con 5 pétalos brancos, numerosos estames e ovario súpero. As flores reúnense en grupos umbeliformes de ata 8 cm, con 3-6 flores cada un. O froito é unha drupa de 9-12 mm, ovoide, vermella ou negruzca, comestible, provista dun longo pedúnculo de 3 cm, coa polpa adherida ao oso e doce, aínda que menos que a das variedades de cerdeira cultivada. Semente dura, cor parda pálida. Madura a principios do verán.
FLORACIÓN: coetánea, entre abril e maio. A polinización é entomógama.
ORIXE: Orixinaria de Europa e oeste de Asia.
HÁBITAT: Habita en bosques caducifolios e sebes.
LOCALIZACIÓN: Atópase principalmente nas fragas da Galicia oriental e meridional.
USOS: Especie que acompaña ao home dende hai milenios, cultivada para aproveitar os froitos (cereixas), sobre todo nas variedades cultivadas e pola súa madeira, moi apreciada en ebanistería. A destilación dos froitos esmagados e fermentados da un tipo de augardente moi apreciado nas terras do Rhin (kirsch ou kirschwasser). Ten certa utilidade como ornamental. Os rabillos dos froitos son diuréticos. É unha especie melífera.
OBSERVACIÓNS: Cultivada e naturalizada. A súa distribución está moi condicionada polo home. As cerdeiras bravas do interior poden ser autóctonas. Nalgunhas zonas de Galicia o seu cultivo ten gran importancia económica.
Fonte documental: Niño Ricoi, H. (Autor), e Silvar, C. (Ilustrador) (2001) Guía das árbores de Galicia A Coruña: Baía Edicións